Friday 03 de May de 2024

O Concello prohibe as cargas e descargas nocturnas para protexer o descanso da veciñanza


 O alcalde emitiu un bando no que, a partires de hoxe, se pecha a posibilidade de mover mercadorías entre as 23:00 horas da noite e as 7:00 da mañá

O Concello de Ponteceso limita as cargas e descargas no casco urbano para protexer o descanso da veciñanza. O alcalde, José Manuel Mato, emitiu onte un bando baseado na Ordenanza xeral sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria no que se prohibe, desde hoxe sábado, as operacións de carga e descarga de mercadorías entre as 23:00 horas da noite e as 7:00 da mañá.

Con esta medida, o executivo municipal busca evitar posibles ruídos que alteren aos residentes durante o seu período de sono. Ademais, o texto inclúe outras obrigas. Unha delas é a necesidade de atender en todas as rúas do casco urbano de Ponteceso ao establecido na sinalización vertical.

A maiores, no horario no que si sexa posible realizar o movemento de materiais, é imprescindible deixar limpa a vía pública. A isto únese a obriga de limpar “inmediatamente” os pozos e sumidoiros que estean afectados pola operación, no caso de existir.

De non cumprir con estas obrigas no relativo á limpeza, o Concello de Ponteceso poderá tomar medidas legalmente previstas na Ordenanza xeral de limpeza, que establece posibles sancións de entre 60 e 3.0000 euros.